FESTAS

Música e títeres na última xornada das Festas da Ascensión

03/05/2008 O último día da Ascensión, o domingo 4, non pode faltar a cita coa Banda Municipal de Música no Teatro Principal. O concerto comezará ás 12:00 horas. Nesta xornada dominical, os rapaces tamén teñen o seu espazo. Ás 13:00 horas, no Toural, poderán ver un espectáculo de títeres, Do re mi Mozart xoga aquí. A compañía Títeres Cachirulo intentará sorprender ao público infantil coas súas historias e animacións.

Esta compañía naceu no ano 1986 en Santiago de Compostela, representando o seu primeiro espectáculo no transcurso da I MOSTRA DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, realizada no Pazo de Bendaña. Realizou obras de carácter infantil con mensaxes directas e orientadas a fomentar a comunicación dos pequenos cos títeres. Espectáculos como Falabarato, Don Gaiferos, A Bela e a Besta ou Xoguetes, ainda hoxe son lembrados como referencia dunha época. A partir dos 90 a compañía comeza a construír as súas propias marionetas e decoración escénica. Ademais, achéganse a un público máis adulto con obras como Noite de Verán, Marcado polo Tipex ou Hamlet. Despois de conseguir o apoio do público galego, a compañía lanzouse á conquista das mostras e festivais internacionais, fundamentalmente de Europa e América Latina.

O punto e final da Ascensión chegará coa actuación da orquestra Aché, que dende as 21:00 horas animará a Alameda para pechar as festas por todo o alto.

Festa dos maiores e Volta da Ascensión
A xornada do sábado 3 presentou unha serie de actividades enfocadas máis cara un público maduro. Ao mediodía, 2.100 maiores encamiñáronse cara o recinto feiral de Amio para gozar dun xantar tradicional. Previo ao xantar, os asistentes gozaron co espectáculo dos cabezudos e botaron un baile coa sesión vermú da orquestra Nueva Moda.

A Volta Ciclita da Ascensión 2008 finalizou tamén o sábado 3 co percorrido da terceira etapa. O corredor do equipo galego Supermercados Froiz Pablo de Pedro, alzouse co triunfo individual da competición, ao igual que o seu club, que se proclamou vencedor da xeral por equipos.

Ás 20:00 horas, os entusiastas da música coral tiveron a oportunidade de asistir a un concerto conxunto de seis corais compostelás: Coral Polifónica Pontepedriña, Coral Polifónica Colexiata do Sar, Coral A Xuntanza, Coral Polifónica La Salle, Coral Alfaia e Coral Castiñeiriño. Interpretaron catro temas, dúas habaneiras e outras dúas composicións de estilo libre. O público, comodamente sentado, gozou durante varias horas da música coral na praza do Toural. Para finalizar a xornada, a orquestra Alcotan amenizou a verbena da noite no Paseo Central da Alameda.

Compartir: