ALCALDÍA

Perfílase o documento definitivo sobre a parte non aprobada inicialmente do PXOM

02/05/2008 O alcalde anunciou para o martes 6 de maio a segunda xuntanza da Comisión de Dirección do Plan Xeral de Ordenación Municipal, no que se procederá a entrega oficial da documentación, completada e corrixidos os erros, aos grupos municipais. Pasarase así ao debate en Comisión, co obxectivo de que a mediados de maio estea lista a proposta que finalmente se presentará no Pleno municipal.

Unha vez ratificada no Pleno, remitirase á Consellería de Política Territorial, que ten un prazo legal de tres meses para resolver sobre esta parte non aprobada inicialmente do PXOM. Con todo, Sánchez Bugallo afirmou que ten o compromiso da Consellería de resolvelo en menos tempo.

Centro de saúde para a zona histórica
Tamén en materia de urbanismo, o alcalde recordou que na Xunta de Goberno do luns 5 de maio se formalizará a cesión dos terreos municipais de Galeras á Consellería de Sanidade, para construción do novo centro de saúde para o casco histórico, que albergará tamén a Xerencia de Atención Primaria.

O departamento autonómico está a redactar o proxecto técnico e o arquitecto dispón ata o 30 de xuño para telo listo. Sánchez Bugallo expresou a súa confianza en que a obra se poida sacar en licitación en xullo, co obxectivo de que o centro de saúde poida estar listo no verán de 2009.

Bombeiros
Sobre a recente sentenza xudicial sobre o Parque de Bombeiros, o alcalde di que o Concello esperará ao pronunciamento da Xunta sobre este tema, xa que, apuntou en relación aos parques comarcais, "isto afecta a un modelo que estaba previsto xeneralizar en toda Galicia". Despois desta decisión, "o Concello tomará un camiño ou outro", indicou.

"A nosa intención é seguir co sistema de parque comarcal, pero non imos descartar ningunha hipótese", engadiu a propósito dun modelo que "pode ser diferente".

Buró Executivo do Arco Atlántico e Festas
O alcalde tamén aproveitou a súa comparecencia para valorar dous acontecementos da semana. Por un lado, cualificou como "moi produtivo" o Buró Executivo da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. Destacou "os escenarios comúns de traballos" atopados entre as 40 cidades integrantes, "de tamaños, países e culturas moi heteroxéneas". Entre estas coincidencias salientou a aposta por modelos semellantes de cultura urbana e "a reivindicación do espazo atlántico nunha Europa que medra cara o Leste".

Sobre as Festas da Ascensión, celebrado o seu día grande, destacou "a gran participación" e a ausencia de incidentes salientables. O propio alcalde compartiu co presidente da Xunta este día, asistindo primeiro ao concurso cabalar celebrado en Amio e xantando logo nas casetas do polbo da Alameda.

Compartir: