ALCALDÍA

O Foro polo Civismo comeza a traballar en torno a catro eixes temáticos

28/04/2008 Os grupos de traballo do Foro polo Civismo quedaron constituídos no Centro Sociocultural do Ensanche. Serán catro e traballarán en torno aos seguintes eixes temáticos: movida nocturna e convivencia, prácticas medioambientais, educación cívica e hábitos de consumo.

Estes grupos traballarán para artellar alternativas e solucións a problemas coma o botellón, a convivencia da movida nocturna co descanso, os hábitos de consumo dos mozos e mozas, as posibles eivas na educación cívica ou a necesidade de concienciación de parte da xuventude nas prácticas medioambientais saudables. Os grupos confluirán nun plenario para deliberar e aprobar as conclusións de cada un deles.

O Foro polo Civismo fórmano 59 persoas. Está constituído por representantes do Goberno Municipal, dos grupos políticos da Corporación; da Universidade de Santiago; das Policías Local, Autonómica e Nacional; da Garda Civil; de Protección Civil; da Cruz Vermella; do 061, das Consellerías de Educación, Sanidade, Industria e da Dirección Xeral de Xuventude dependente da de Vicepresidencia; dos Centros de Ensino Público, Concertado e Privado; das APAS; de alumnos da USC; de alumnos de centros de secundaria (públicos e privados); das asociacións de veciños, das asociacións de restauración, hospedaxe e ocio nocturno; da Cámara de Comercio; do Consello da Xuventude; da Asociación da Prensa; das asociacións xuvenís e dos sindicatos.

Compartir: