BENESTAR SOCIAL

Benestar Social solicita unha subvención de 930.000 euros para a execución de varios programas

28/04/2008 O Goberno local acordou solicitar á Xunta de Galicia unha subvención de 930.229 euros para realizar diversos programas da Concellería de Benestar Social.

Do total solicitado, 320.000 euros destinaríanse ao Programa de Axuda a Domicilio e 247.380 ao persoal de Atención Primaria. Tamén se inclúe unha axuda de 108.140 euros para o mobiliario da Casa das Asociacións. Outros programas para os que se solicita subvención son os de apoio á convivencia (teleasistencia, comedor sobre rodas e ruptura de parella); de aloxamento e convivencia (acollemento temporal en vivenda, transeúntes e M.A.P.I.S aluguer); de prevención da marxinación e inserción social ou de fomento da cooperación.

Tamén no eido da Concellería de Benestar, solicitouse unha subvención de 15.000 euros para o desenvolvemento de dous programas destinados a favorecer os procesos de acollida da poboación retornada e inmigrante. Estes dous programas promoven, respectivamente, accións formativas de ensinanza e axudas de aloxamento e manutención para situacións de especial vulnerabilidade.

Finalmente, demandouse á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia unha subvención de 6.000 euros para financiar os gastos derivados da elaboración da publicidade dos traballos presentados ao concurso "Educando na convivencia en igualdade", desenvolvido baixo o lema "A miña visión sobre a violencia de xénero".

Compartir: