CULTURA

Proxección en Compostela do filme galego "Pradolongo"

25/04/2008 A Concellaria de Cultura puxo o Teatro Principal a disposición dos produtores do filme Pradolongo e, polo tanto, poderase ver do 26 ao 28 de abril en sesións de 17:00, 20:00 e 23:00 horas. Esta será a única oportunidade para ver en Compostela este filme, non acollido polas salas comerciais.

Rodada vinte anos despois de Sempre Xonxa e case nas mesmas localizacións de Valdeorras, o director petinés Ignacio Vilar retoma o espírito daquel filme. Parte dos actores foron elixidos a partir de probas realizadas en diversos institutos, dos que xurdiu un dos protagonistas: Roberto Porto. O filme está a ser presentado por toda Galicia mediante presentacións en institutos, charlas e coloquios. Pradolongo está protagonizada por Rubén Ríos ("Libro de Familia"), Tamara Canosa ("Días Azuis", "Heroína",...) e o debutante Roberto Porto.

A trama narra a historia de tres amigos da infancia que veñen de cumprir a súa maioría de idade. O amor que Martiño e Armando comezan a sentir por Raquel e a posíbel venda de Pradolongo, a louseira do pai de Armando, obrigaraos a reconsiderar os seus soños e os vínculos que os mantiveron unidos dende a infancia.

Compartir: