PLENO

O Pleno aproba unha pequena modificación no Plan Parcial do SUNP-22, en Castro de Abaixo

24/04/2008 O Pleno municipal aprobou por unanimidade unha modificación puntual do Plan parcial do SUNP-22 de Castro de Abaixo. Trátase dunha reordenación do volume edificable nos quinteiros 17,20 e 21 e da substitución da vía pública prevista entre os quinteiros 17 e 20 por outra de acceso restrinxido a residentes.

A modificación reflicte o parcelario que resultou do mutuo acordo cos propietarios, cos correspondentes axustes de superficie edificable e número de vivendas nos quinteiros afectados. O vieiro de acceso restrinxido situarase entre o quinteiro 17 e a zona verde pública.

Os axustes realizados facilitaron a xestión do polígono e supuxeron un menor custo económico para o beneficiario da expropiación e, a xuízo da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, non inciden a penas na ordenación final do sector, xa que o tramo da vía que se suprime tiña como única finalidade dar servizo ás vivendas dos quinteiros afectados.

Plan Especial de Monte Redondo
Por outra parte, o Pleno tamén acordou aceptar o desestimento formulado polos irmáns Peleteiro Ramos en orden á tramitación da Modificación do Plan especial do equipamento docente no Monte Redondo (D-19), onde se construirán as novas instalacións docentes e deportivas do Colexio Manuel Peleteiro.

Compartir: