COMERCIO

Compostela Outlet quere consolidarse como gran evento de compras na súa segunda edición

24/04/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou Compostela Outlet 2008. II Feira do comercio polo miúdo, que se celebrará os días 26 e 27 de abril no recinto feiral de Amio. 107 establecementos participarán no evento.

Para Xosé Manuel Iglesias, "o obxectivo desta segunda edición é consolidar Compostela Outlet como un espazo de compras de referencia para os cidadáns de Santiago e a nosa zona de influencia, tendo en mente o obxectivo de que nos vindeiros anos Compostela Outlet se converta no gran evento de compras en toda a eurorrexión Galicia Norte de Portugal".

Con este obxectivo, o concelleiro apuntou as melloras introducidas no evento. "Abrimos un concurso público para a organización da feira, ampliamos o prazo de preinscrición dos estabelecementos, fixemos unha campaña de captación cun reparto de información en todos os comercios de Santiago, poremos un servizo de autobuses de balde e contaremos cun caixeiro móbil no recinto de Amio", subliñou.

Máis comercios
Este ano participarán 107 establecementos de Santiago, fronte aos 78 do ano pasado. O que supón un crecemento do 37%. O espazo de exposición será de 2.466 metros cadrados, fronte aos de 1.400 do 2007, o que constitúe un aumento do 76%. Ademais haberá 250 metros cadrados dedicados aos nenos e nenas, con diferentes actividades lúdicas para que nais e pais podan mercar con tranquilidade.

Iglesias resaltou que o atractivo de Compostela Outlet radica na cantidade e na diversidade da oferta comercial que haberá no recinto de Amio, cun total de 14 sectores representados. Durante dous días e nun único espazo de venta os clientes poderán atopar o mellor do pequeno comercio de Santiago a prezos competitivos.

O sector máis representado é o téxtil, con 57 postos, o 53% do total, nos que se inclúen téxtil para señora, cabaleiro, roupa infantil e complementos. Tamén é importante a presenza de establecementos de calzado, con 11 expositores, e comercios específicos de complementos, con 9. Ademais haberá unha ampla variedade de estabelecementos de lencería, peletería, deportes, xoguetes e agasallos, cosmética, óptica, xoias e informática.

Farase unha enquisa de avaliación entre todos os comercios participantes no Outlet para recoller as súas achegas. A finalidade da enquisa é contar con toda a información posible para poder mellorar na seguinte edición.

Compartir: