EDUCACIÓN

Máis de 250 rapaces xuntaron as súas pezas para pedir unha educación de calidade e sen exclusións

23/04/2008 A praza da Quintana acolleu o acto central en Santiago da Semana de Acción Mundial pola Educación, que se celebra do 21 ao 27 de abril. Máis de 250 rapaces participaron un acto no que uniron as pezas dun particular puzzle para compoñer o lema da campaña "Superemos a exclusión. ¡Calidade na educación!".

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu a este acto. Acompañárono, entre outros, representantes de ONGs, dos centros escolares e de movementos sociais de diversa índole, ademais de alumnos dos colexios López Ferreiro, Raíña Fabiola, Fontiñas, Compañía de María, Antonio Fraguas, San Francisco Javier e Rosalía de Castro.

No acto presentáronse os obxectivos da campaña, que quere chamar a atención sobre a importancia da educación para evitar calquera exclusión relixiosa, étnica ou social. Reclámase o cumprimento dos obxectivos de Dakar, como son os de estender e mellorar a educación integral da primeira infancia ou lograr un ensino gratuíto e obrigatorio de calidade e para todos os nenos en 2015. Esta declaración tamén pedía polas necesidades de aprendizaxe de todas as persoas mozas e adultas, o aumento nun 50% do número de adultos alfabetizados, a igualdade de xénero e a mellora de todos os aspectos cualitativos da educación.

A intervención dun neno e dunha nena e das diferentes autoridades, entre elas o alcalde, a composición do puzzle e unha actuación musical completaron o acto.

Compartir: