REHABILITACIÓN

Rehabilitación avanza no proceso de execución da ARI de Vista Alegre

23/04/2008 A Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica encargou xa o proxecto de derruba das terrazas do primeiro conxunto de edificios en Vista Alegre. Esta acción enmarcase dentro das actuacións de rehabilitación previstas para o desenvolvemento da ARI do barrio.

Segundo a concelleira de Rehabilitación, Socorro García Conde, "son xa 23 as comunidades de propietarios que tomaron o acordo de autorizar a derruba das terrazas" e, á vez, "solicitala do Concello". Incidiu en que "é necesario derrubar as terrazas para colocar os aparellos elevadores", ademais de que isto "permitirá resolver os problemas de humidade que teñen as fachadas, así como mellorar sensiblemente o espazo público". A petición de derrube das terrazas é un paso imprescindible para o avanzo da ARI, posto que as terrazas son elementos de propiedade das comunidades.

O contacto continuo coa veciñanza de Vista Alegre é un dos alicerces para a realización efectiva das obras desta ARI. A Concellaría ten mantido un diálogo fluído coas veciñas e veciños para deseñar os proxectos de intervención no barrio. Froito deste traballo e posta en común é a encomenda do orzamento para encargar o proxecto de derruba das terrazas do conxunto de edificios correspondentes aos números 2 a 12 da rúa de Santa Uxía de Ribeira.

Coa intención de poder informar e esclarecer dúbidas e preguntas, todos os mércores, persoal da Oficina de Rehabilitación atenden ás veciñas e veciños no propio barrio. Calquera persoa interesada en se informar sobre calquera cuestión relacionada coas axudas de rehabilitación incluídas na ARI poderá informarse no Local Social de Vista Alegre.

A ARI de Vista Alegre
O 17 de abril de 2006, a Consellería de Vivenda e Solo acordou declarar o polígono de Vista Alegre como Área de Rehabilitación Integral (ARI) en base a unha solicitude do Concello de Santiago. As actuacións de rehabilitación incluídas na memoria-programa priorizan a accesibilidade (elevadores e escaleiras…), a envolvente (cuberta e fachadas) e os servizos básicos, sobre outro tipo de actuacións interiores.

As actuacións no espazo público están estreitamente vinculadas á accesibilidade. A derruba das terrazas é un destas accións fundamentais. Deixarase a estrutura de vigas e columnas debidamente acondicionada, resolvendo os problemas que xeran e provocando unha mellora sensible do espazo público. Na ARI tamén se contempla a reurbanización das rúas, incluíndo unha mellora das rasantes e unha nova pavimentación, entre outras actuacións.

O desenvolvemento da ARI implica a dotación, mediante convenios coas administracións públicas, de 5.390.000 euros en dúas fases. Na primeira fase contémplanse 200 actuacións de rehabilitación nas que Consellaría de Vivenda e Ministerio financian un 45% dos custes, achegando 1.800.000 euros; nesta fase tamén se contempla unha reurbanización do espazo público a realizar con achegas de 180.000 euros (25%) por parte do Ministerio, 270.000 (30%) pola Consellaría de Vivenda, e 450.000 euros (45%) polo Concello de Santiago.

Na segunda fase serán 20 actuacións de rehabilitación igualmente financiadas nun 45% pola Consellaría de Vivenda e Ministerio, con 180.000 euros. A reurbanización nesta fase será financiada nas mesmas proporcións que a primeira fase, por parte do Ministerio, Consellaría de Vivenda e Concello de Santiago, ascendendo o custo total das obras a 90.000 euros.

Compartir: