CONSORCIO

Unha oportunidade para coñecer a cidade a través da literatura infantil

23/04/2008 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou os libros infantís A rebelión das rúas, de Ana Boullón e Pere Tobaruela, e Hora de comer, de Miguel Vila. Son os números 3 e 4 da colección Branco de Cores, que coedita o Consorcio con Sotelo Blanco. Ambos están ilustrados por Andrés Meixide.

Branco de Cores continúa coas súas aventuras e ofrece aos máis pequenos a oportunidade de "coñecer as rúas de Compostela e os lugares para comer na cidade", sinalou Pere Tobaruela. As obras, segundo Miguel Vila, "amosan Santiago dende un punto de vista peculiar". O autor de Hora de Comer animou aos rapaces a saír cos seus pais para descubrir estes lugares dun xeito divertido.

Aproveitando a Xornada de portas abertas no Concello, os rapaces presentes no Salón de Plenos puideron ver como o ilustrador, Andrés Meixide, recreaba en directo un Branco de Cores e lles explicaba a súa orixe. E ao rematar, os alumnos levaron cadanseus exemplares das dúas obras presentadas.

Compartir: