ALCALDÍA

Os nenos foron xornalistas e concelleiros por un día

23/04/2008 Dentro dos actos programados con motivo da Xornada de portas abertas, o Concello acolleu uns particulares e miúdos protagonistas, os nenos, que fixeron de improvisados xornalistas primeiro, e de comprometidos concelleiros despois, nun concorrido Pleno infantil.

Os alumnos do CEIP Apóstolo Santiago foron os primeiros en cambiar o seus papeis por un día e convertéronse en xornalistas nunha singular rolda de prensa co alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Alí houbo preguntas de todo tipo, referidas á Biblioteca Pública, aos carrís bici, ás actividades para os nenos no 2010 e aos accidentes de tráfico. Mesmo houbo quen preguntou ao alcalde polo menú do comedor escolar, por se existía posibilidade de eliminar as xudías do mesmo. A recomendación de Sánchez Bugallo foi que debían comer de todo.

Un pouco máis tarde, celebrouse un pleno infantil, no que participaron 85 alumnos e alumnas dos colexios La Salle, Colexiata de Sar e Fontiñas. O pleno infantil tivo unha orde do día arredor da temática "accións para a promoción de actividades de animación á lectura para nenos e nenas".

Na sesión, a pequena alcaldesa elixida para a ocasión foi dando paso aos seus compañeiros para que fixeran as súas preguntas. As axudas ás bibliotecas escolares, os programas de animación á lectura, o reparto de libros e xogos nos colexios ou entre os máis desfavorecidos foron algunhas das cuestións plantexadas. Tampouco faltaron as peticións, como o acceso á lectura a través de Internet, máis bibliotecas e puntos e lectura ou o agasallo de libros.

Atento a todo o que sucedía estivo a concelleira de Réxime Interior, Rosa Fernández, quen se encargou de explicarlle aos rapaces o funcionamento do Pleno e as súas funcións como concelleiros. Ademais, comprometeuse a trasladarlle á concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, as súas demandas.

Xunto a estes rapaces, outros moitos foron pasando ao longo do día polo Pazo de Raxoi, acompañados polos guías, que lles explicaron polo miúdo o funcionamento do Concello e lles ensinaron as súas diferentes estanzas. Outros cidadáns e turistas tamén se achegaron a Raxoi para vivir esta Xornada de portas abertas.

Compartir: