MEDIO AMBIENTE

Alumnos de secundaria participan nunha plantación de árbores no Pedroso

22/04/2008 A Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel co-organizou unha plantación de árbores con motivo do Día da Terra con alumnado do Colexio La Salle. A plantación realizouse no marco do plan de restauración ambiental e acondicionamento do Pedroso que está realizando a Consellaría de Medio Rural. Na actividade participou, ademais da concelleira Elvira Cienfuegos, a delegada provincial da Consellería, Olga García Agra.

As alumnas e alumnos de 4º da ESO foron os protagonistas desta actividade que se realizou con motivo do Día da Terra, unha data instituída no ano 1970 co obxectivo de promover a implicación de toda a cidadanía na prevención e na solución dos problemas ambientais. No ano 2008 son moitos os colectivos ecoloxistas que centran a súa reivindicación na prevención da mudanza climática que nos afecta na actualidade. A Concellaría do Medio Ambiente de Santiago e a Consellería de Medio Rural únense á celebración coa plantación de árbores, que fixan o carbono atmosférico e contribúen así frear o cambio climático.

En palabras de Elvira Cienfuegos "estamos traballando co obxectivo de definir o Pedroso como un parque forestal periurbano, apostando pola conservación dos valores naturais e promovendo as funcións paisaxísticas e recreativas". Pola súa parte, Olga García destacou que "no Monte Pedroso estamos a realizar as primeiras plantacións en forma de espiral de Galicia", unha técnica novidosa que procura imitar as fragas naturais ao tempo que facilita o labor silvícola.

Compartir: