ALCALDÍA

Os empresarios da cidade prestan o seu apoio á presenza de Santiago na Expo Shanghai 2010

22/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse cos presidentes das principais asociacións empresariais da cidade para falar da presenza de Santiago na Expo Shanghai 2010. Todos eles manifestáronlle o seu apoio a esta participación, que consideran "unha honra e unha oportunidade única" para a cidade.

Sánchez Bugallo agradeceu o apoio do empresariado compostelán, do que dixo que terá unha importante presenza no pavillón que Santiago terá na mostra. Así, referiuse ao protagonismo que debería ter a hostalería, "un dos grandes activos da cidade".

O rexedor compostelán recordou unha vez máis que na mostra universal, Santiago representará tamén a toda a Comunidade Autónoma. "Toda Galicia vai estar aí", indicou. Ademais, subliñou que "debemos aproveitar esta plataforma de Shanghai para por en valor o noso patrimonio histórico, o modelo da cidade ou a arquitectura".

Nestes mesmos plantexamentos coincidiu o presidente de Acotés, Jesús Asorey, ao sinalar que a Expo é "unha oportunidade para facernos máis universais". En particular, destacou as posibilidades que ofrece de "promoción a nivel de toda Asia", un país como China con varios miles de millóns de habitantes. Tamén salientou o feito de que Santiago sexa a cidade máis pequena entre as 40 elixidas.

Sánchez Bugallo tamén se referiu aos preparativos da presenza de Santiago da Expo. Indicou que o Concello "traballa sobre unha previsión de custos aínda sen cerrar e que pronto faremos pública".

Na reunión participaron os presidentes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca (Restauración e Hospedaxe), Jesús Sordo e José Antonio Liñares; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Xesús Chenel; o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; e o presidente de Acotés, José Oreiro.

Compartir: