COMERCIO

Compostela Outlet disporá dunha área infantil de case 250 metros cadrados

21/04/2008 Compostela Outlet 2008 disporá dunha área infantil de case 250 metros cadrados para que os pais e nais poidan mercar con tranquilidade mentras os menores xogan e se divirten. Esta é a segunda feira de saldos que se celebra en Santiago, e terá lugar o 26 e 27 de abril, no recinto feiral de Amio.

A zona infantil situarase a carón da área de exposición comercial e contará con dous hinchables e un circuito de bicicletas. O hinchable Multiarcos, cunhas dimensións de 7 metros de longo, por 6 de ancho e 6 de alto, está recomendado para menores que non superen os 5 anos; mentres que na Granxa, de 7 metros de longo por 7 de ancho, poderán xogar os cativos que teñan máis de 2 anos. En cada hinchable poden xogar 12 menores de xeito simultáneo, mentres que no circuíto de bicicletas, pensado para maiores de 6 anos, poden conducir até seis nenos e nenas ao mesmo tempo.

Ademais dun espazo infantil, o segundo Compostela Outlet contará cun caixeiro automático que instalará Caixa Galicia para facilitar as compras das persoas asistentes. A Fundación Caixa Galicia é unha das entidades que colabora na feira de saldos, xunto a La Caixa.

A organización do segundo Compostela Outlet tamén fletará autobuses gratuitos para facilitar o desprazamento daquelas persoas que desexen asistir á feira de saldos. Os autocares, que terán unha frecuencia de media hora, realizarán o percorrido entre a Praza de Galicia e o recinto feiral de Amio.

117 estabelecementos comerciais formalizaron a preinscrición para participar en Compostela Outlet. Esta cifra representa un 50% de incremento sobre a primeira feira de saldos celebrada en 2007, na que participaron 78 comercios e pola que pasaron 15.624 persoas.

Compartir: