CULTURA

O Museo do Pobo Galego acolle a mostra da VI Bienal de pintura do Eixo Atlántico

11/08/2005 Ata o próximo 31 de agosto o Museo do Pobo Galego acolle a mostra da "VI Bienal de Pintura 2004-2005 Eixo Atlántico" promovida polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e que recolle as creacións de 29 artistas galegos e portugueses con outras tantas obras.

Na VI Bienal concurreron máis de 300 obras, converténdose no segundo acontecemento deste tipo da Península Ibérica en canto ao número de cadros presentados a concurso.

O primeiro premio na categoría portuguesa, foi para a obra A espera, da artista Benedita Kendall que nos últimos anos convertiuse nun dos nomes máis representativos dos novos talentos portugueses. O seu traballo xa fora recoñecido con anterioridade, ao recibir o Premio de Artes Plásticas-Baviera Século XXI e o premio de Arte Erótica 2003 no Auditorio Municipal de Gondomar.

Xunto a esta artista portuguesa, Ramón Trigo recibiu o premio na categoría de obra galega pola súa peza titulada Fondo Mariño,mentres que na categoría de obra galega portuguesa, o xurado destacou o traballo do artista luso Filipe Rodrigues.

A "VI Bienal de Pintura 2004-2005 Eixo Atlántico" é a manifestación dun dos obxectivos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que busca estreitar as relacións entre as rexións do norte e sur de Portugal e Galicia en tódolos ámbitos, priorizando o intercambio cultural. Este evento constitúe unha oportunidade para amosar as diferentes tendencias que xurden ao norte e sur do río Miño e para dar a coñecer novos artistas.

Esta exposición ten un carácter itinerante sendo exhibida nas cidades que integran o Eixo. Desde o 11 ao 31 de agosto poderá ser visitada no Museo do Pobo Galego de martes a sábados (de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas) e os domingos e festivos (de 10.00 a 14.00 horas).

Compartir: