ALCALDÍA

Chega dende Cuba a mostra "Sorolla e os seus contemporáneos"

21/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición "Sorolla e os seus contemporáneos". A mostra estará na sede da Fundación Caixa Galicia ata o 6 de xullo.

Destacados pintores do cambio de século danse cita nesta exposición, na que poderá ver unha colección de pintura española do Museo de Belas Artes da Habana, unha pinacoteca formada polas cesións de diferentes coleccionistas privados e institucionais que se foron producindo ao longo do século XX. Ademais, reúnese un conxunto de 60 obras de Sorolla, Zuloaga, Santiago Rusiñol, Anglada Camarasa ou Cubells, entre outros.

Do total de obras expostas, exhíbense en Santiago 17 óleos de diferente formato de Joaquín Sorolla y Bastida, obras pintadas todas nos anos de maior produción deste prolífico pintor e que amosan a súa evolución estilística e técnica.

Xunto a Sorolla, o pintor español desta época que maior repercusión tivo fóra de España é Ignacio Zuloaga, de quen se amosan en Compostela nove lenzos. Á sombra do traballo destes dous autores, móstrase unha selección da obra dalgún dos seus contemporáneos, que a crítica intenta recuperar hoxe para o gran público.

Compartir: