EDUCACIÓN

O programa "Comer cos cinco sentidos" promoverá hábitos saudables entre os escolares composteláns

21/04/2008 A Concellaría de Educación e a Asociación Provincial de Empresarios de Restauración poñen en marcha o programa didáctico Comer cos cinco sentidos. O seu obxectivo é promover hábitos saudables entre os escolares de educación infantil e primaria de Santiago.

O programa está dirixido a rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos e desenvolverase nas instalacións da Asociación Provincial de Empresarios de Restauración, situada na rúa Salvadas, 29-baixo. Alí, grazas a distintos obradoiros, afondarase en todos aqueles elementos que teñen que ver coa alimentación dos escolares: as materias primas, a cociña, os profesionais da cociña, o instrumental e vestiario, a limpeza e preparación de alimentos ou a importancia dos sentidos na cociña. Realizaranse ata 50 sesións, a cada unha das cales asistirá un máximo de 30 alumnos.

O programa contén diferentes propostas didácticas dependendo das idades dos participantes. Así, os de 4 a 7 anos participarán nun obradoiro do gusto, no que aprenderán as partes dunha lingua e a súa importancia para mastigar, mesturar alimentos ou saborear. Tamén coñecerán as partes da cociña, o instrumental de traballo, o papel dos cociñeiros, as precaucións na cociña e a importancia da boa alimentación. Logo, poderán elixir entre dous obradoiros monográficos: peixes e mariscos ou queixos e lácteos.

Os alumnos de educación primaria teñen dúas opcións. Unha é de participar tamén no obradoiro do gusto e nun dos monográficos (peixes e mariscos, hortalizas ou carnes e aves), e a outra a de elixir entre os seguintes obradoiros: pastelería, cociña ou queixos e lácteos.

Os rapaces que asistan a estes obradoiros poderán levar á casa receitas e recibirán mandís e diverso material alusivo ao programa.

Compartir: