ALCALDÍA

O Concello e Caixa Galicia renovan a súa colaboración na programación cultural da cidade

21/04/2008 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, asinaron un convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación Caixa Galicia para a realización de diferentes actividades culturais. O acordo renova a colaboración que ambas entidades veñen mantendo nos últimos anos e supón para Santiago unha importante axenda de actividades culturais para este ano 2008.

A Fundación Caixa Galicia achega 510.000 euros para o desenvolvemento da programación cultural da cidade. Destas actividades, unha parte serán organizadas e realizadas polo Concello e outras pola propia Fundación Caixa Galicia. Un terceiro grupo de actividades será organizado de forma conxunta.

A programación a desenvolver comprende as máis diversas áreas culturais, cubrindo un amplo abano de gustos e preferencias dos cidadáns. Entre estas actividades cabe subliñar a música, con eventos como Sons da Diversidade, a ópera Carmen ou diversos concertos; Teatro en Xira; o festival Curtocircuíto ou a exposición "Sorolla y sus contemporáneos".

A colaboración entre ambas as entidades non se limita unicamente a actividades culturais, senón que intensifica liñas de traballo conxuntas co obxecto de mellorar o tecido produtivo da capital de Galicia. Desta maneira, a Fundación Caixa Galicia e o Concello de Santiago apoiarán a rede de cooperación local, programará accións de fomento de asociacións comerciais e iniciativas de promoción do Deporte Especial.

Sánchez Bugallo agradeceu a Caixa Galicia o seu apoio durante os últimos anos, nos que vén "apoiando a cultura en Compostela", e grazas ao cal se poden levar a cabo"prestacións culturais de calidade e para públicos diversos".

Pola súa parte, José Luis Méndez amosouse moi satisfeito de poder rubricar un convenio que permite renovar a colaboración entre ambas as entidades e que "se prolonga no tempo dende hai moitos anos, ratificando o noso compromiso coa cultura galega e coa cidade de Santiago".

Compartir: