URBANISMO

A Unión Europea elixe a Santiago para liderar o proxecto de vivenda social do programa URBACT

19/04/2008 A cidade de Santiago foi escollida pola Unión Europea para liderar o proxecto SUITE The Housing Project "A vivenda: un factor para a inclusión social e urbana e para a calidade de vida nas cidades". A candidatura compostelá foi seleccionada entre máis de 60 e supón un recoñecemento a nivel internacional da xestión urbanística levada a cabo polo Concello, en especial nos últimos oito anos.

Para Santiago, a maiores de ser a primeira vez que participa nun proxecto europeo como xefe de fila, preséntaselle a oportunidade de amosar a nivel internacional o proxecto urbano da cidade. Para a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, este é "un recoñecemento a nivel internacional de como dende o planeamento e a xestión urbanística se poden facer políticas sociais de vivenda de primeira".

Precisamente sobre política social de vivenda, o alcalde recordou que nos últimos catro anos se entregaron unhas 1.000 vivendas e estaban en fase de execución ou programación outras 2.000, boa parte delas vivendas protexidas. Así, a elección da Unión Europea premia tamén o feito de ser unha cidade pioneira na xestión do solo protexido e na construción de vivendas sociais, sendo a cidade galega que máis vivenda protexida está xerando. "Santiago é unha cidade territorial e socialmente equilibrada", apuntou Sánchez Bugallo.

Integración e cohesión
A proposta da rede que lidera Santiago xira en torno ás políticas de vivenda nas cidades e como a través delas se favorecen a integración e a cohesión nas cidades en tódolos niveis: económico, social e urbano; e como por medio da cooperación entre distintas institucións se traballa de cara á produción axeitada e sostible de vivenda social nas cidades.

Na primeira fase o principal obxectivo de Santiago é o de formar un Grupo de Expertos a nivel local, asistido por expertos europeos que traballan a alto nivel coa temática da vivenda social, para facer un estudo e unha análise da situación en Santiago e a súa comparativa a nivel rexional, nacional e europeo. Segundo indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, no anuncio da nova, "agora estudaremos experiencias locais e faremos propostas de políticas de vivenda orientadas á inclusión social".

No proxecto participan como socios nesta primeira fase as cidades de Nantes (Francia), Hamburgo (Alemaña), Medway (Reino Unido) e Siemianowice (Polonia). A primeira fase durará ata novembro de 2008 e nela decidiranse as accións concretas a realizar no proxecto, que ten unha duración total de tres anos. Esta primeira fase conta cun orzamento global de 75.000 euros.

Ata 12 socios na segunda fase
Nesta primeira fase decidiranse tamén os doces socios que participarán na rede. Para esta segunda fase xa está confirmada a participación de Albacete (España), Rennes (Francia) e Viena (Austria); e son máis de vinte as solicitudes que chegaron ao Concello, entre elas as cidades inglesas de Gateshead e Newcastle, as gregas de Sykies e Komotini, Perugia e Florencia en Italia, a letona Ogre, outras españolas coma Álava, Toledo, Málaga, Dos Hermanas ou a capital portuguesa, Lisboa.

Na segunda fase, que terá unha duración dun máximo de 30 meses e un orzamento de 710.000 euros, formularanse iniciativas concretas, que logo serán as que se presenten para concorrer a unha nova convocatoria do Programa Urban. De ser seleccionados finalmente os proxectos saídos do grupo liderado por Santiago, a Unión Europea financiaríaos.

23 redes temáticas
Xunto ao proxecto de Santiago outras 23 redes temáticas traballarán no estudo, análise e realización de propostas de moi diversa índole, pero todas elas xiran en torno ás temáticas de promover a innovación e a economía do coñecemento, o planeamento urbano temas de medio ambiente e de inclusión social. Destacan entre elas a rede Open Cities, liderada por Belfast e na que participan Madrid, Sofía, Dublín e Viena, que ten o obxectivo de "fomentar cidades abertas que atraian o capital humano"; ou a rede liderada por Roma coa fin de buscar estratexias para poboacións avellentadas, que conta con Praga, a búlgara Varna, a portuguesa Montijo e a grega Tesalónica.

Compartir: