CULTURA

A Gala Internacional de "Compostela Máxica" clausura unha exitosa semana do ilusionismo en Santiago

18/04/2008 Compostela Máxica 2008. II Semana Internacional do Ilusionismo terá o sábado 19 de abril a súa xornada de clausura. Será coa Gala Internacional de "Compostela Máxica" que se vai celebrar no Auditorio de Galicia, a partires das 21:00 horas, coas actuacións de Luis Manuel, Johnny Lonn, Kiko Pastur, Arno, Vic & Fabrini e Rafael, presentada por Luis Boyano.

A II Semana Internacional do Ilusionismo volveu a Santiago despois do éxito da primeira edición, que aumentou o carácter máxico da nosa cidade. Durante toda a semana puidéronse desfrutar das actuacións de ata 30 magos, moitos deles galegos, mais tamén moitos chegados de diversas partes do planeta: de Brasil, de Arxentina, de Estados Unidos, de Bélxica, de Inglaterra, de Alemaña, da Francia, de Suecia... En foron máis de 50 espectáculos que encheron toda a cidade de maxia e ilusión e que contaron con un éxito rotundo de público.

Neste 2008 a diversidade dos escenarios e a variedade da súa localización foi unha das principais novidades. Así, a maxia chegou aos barrios e aos centros socioculturais das Fontinas, de Vite, do Castiñeiriño, da Trisca, de Conxo e do Ensanche. Mais tamén houbo maxia en localizacións máis tradicionais como o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia e mesmo saíndo á rúa na Praza Roxa, nas Praterías e no Toural. Por último, destacar que nesta edición se celebraron actuacións tamén no Hospital da Barcia, no CHUS e no Colexio de Xordos.

Compartir: