MOCIDADE

Nace o Certame "Música Xove’08" para promover a creatividade das novas formacións musicais de Galicia

18/04/2008 A Concellería de Mocidade convoca o I Certame "Música Xove’08". O seu obxectivo é promover a creatividade musical dos mozos e nel poden participar as bandas e solistas que teñan como sede calquera dos locais municipais de ensaio distribuídos por Galicia.

O concelleiro de Mocidade, Xosé Baqueiro, presentou esta convocatoria, na que se outorgarán ata 12 premios, tres para cada unha das catro modalidades: pop-rock, metal, canción de autor-folk e hip-hop. Haberá catro primeiros de 2.000 euros, catro segundos de 1.000 euros e catro terceiros de 500 euros.

Do 21 de abril ao 12 de maio, os participantes, que non deberán ter editado ningún disco nin relación con discográficas, poderán presentar as súas candidaturas no Rexistro Xeral do Concello. Entre a documentación, terán que presentar unha maqueta en disco compacto que inicua dous temas orixinais en letra e música, gravados polo grupo ou cantautor, que serán interpretados no concerto final do Certame.

O Xurado, previa audición das maquetas presentadas, seleccionará un mínimo de catro participantes por cada modalidade que accederán á fase de actuación en directo nun Concerto final, en data aínda por determinar. Finalizadas as actuacións, comunicarase os gañadores. Ademais dos premios, editarase un disco compacto cos premiados.

Concerto na Sala Capitol
Para presentar este Certame, a Concellería de Mocidade organizou un concreto o xoves 24 de abril, ás 22:00 horas, na Sala Capitol. Alí estarán Triángulo de Amor Bizarro, Nadadora, Donkey’Scream e Brétema. A entrada é de balde previa reitarda da mesma no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensache (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16).

Compartir: