EDUCACIÓN

Uns 3.000 escolares familiarizaranse co teatro grazas a unha nova edición do Certame Intercentros

18/04/2008 Os salóns de actos dos institutos Rosalía de Castro e Xelmírez I acollerán do 21 ao 28 de abril o XIII Certame de Teatro Intercentros, organizado pola Concellería de Educación e pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística. Uns 3.000 alumnos de 15 centros escolares asistirán ás representacións.

Os alumnos de oito institutos representarán 10 obras, co obxectivo de incorporar o feito teatral ao contorno sociocultural do escolar e da mocidade. Preténdese con isto que os rapaces deixen de ver o teatro coma un feito extraño, illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais.

Como novidade desta edición, unha das obras a representar, A Berenguela, está tamén destinada a alumnos de primaria. As outras nove obras diríxense a alumnos de secundaria. Tamén cómpre destacar que este ano se elaborará un DVD coas representacións para que os rapaces poidan gardar un recordo do seu labor no escenario.

A obra premiada representarase nunha gala no Teatro Principal o 3 de xuño, ás 20:00 horas. Serán os propios alumnos e os directores das obras os encargados de elixir a obra e o grupo gañador, así como o mellor actor e a mellor actriz.

As representacións comezarán o luns 21 de abril, no IES Xelmírez I, con Alicia no país marabillas, a cargo do IES de Sar. Ese mesmo día, no IES Rosalía de Castro, os alumnos deste instituto levarán a escena Equus. O resto de obras previstas son: Dentro dos muros (IES Eduardo Pondal), A Berenguela, O achado do castro (IES Xelmírez II), O rei nu (IES Antonio Fraguas), Fábula (colexios de Vedra e de Touro), Se o vello Simbad (CPI Bembibre), Carraxe (IES Xelmírez I) e Eterna xuventude (IES Rosalía de Castro).

O programa deste Certame de Teatro Intercentros foi presentado pola concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e polo coordinador das Equipas de Normalización Lingüística, Xepe Torres.

Documentos relacionados



Compartir: