ALCALDÍA

O presidente da Xunta respalda a participación de Santiago na Expo Shanghai 2010

17/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi recibido este mediodía en San Caetano polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, co que falou da participación de Santiago na Expo 2010 de Shanghai (China). O xefe do Executivo autonómico manifestoulle o seu total apoio a este proxecto, que máis alá do propia cidade, representará a Galicia nun evento internacional de gran magnitude.

Sánchez Bugallo explicoulle a Touriño o proxecto polo que a cidade foi elixida para estar na Expo, denominado "Protección e uso do patrimonio histórico", e os plans municipais para a presenza en Shanghai. Así, ambos acordaron que en vindeiras datas se constituirá unha Comisión, que se reunirá para concretar calendarios, funcionamento e orzamentos cara a preparar o espazo propio que representará a Santiago en terras chinesas.

A cidade estará presente en Shanghai cun espazo propio na área reservada á presentación das mellores prácticas urbanas do mundo. Santiago ocupará unha superficie duns 800 metros cadrados nun pavillón conxunto situado nunha antiga fábrica rehabilitada, ubicado á súa vez nun recinto dedicado ás mellores prácticas urbanas de 15,12 hectáreas.

O recinto da Expo de Shanghai vai ocupar una área de 3,28 quilómetros cadrados ás beiras e ao longo do río Huangpu. Ata alí deberá desprazarse meses antes da Expo persoal técnico para preparar o espazo expositivo e, posteriormente, para atender aos millóns de visitantes durante os seis meses que durará a mostra.

Compartir: