CULTURA

Catro novos programas de música, cine e animación á lectura enriquecen a programación cultural da cidade

17/04/2008 A Concellaría de Cultura e a Consellería de Cultura deseñaron unha oferta cultural conxunta que inclúe música clásica actual, cinema e actividades de animación á lectura. En total, a cidade acollerá 12 concertos de música folk, fusión e canción de autor, 9 concertos de música antiga vocal e contemporánea, 40 proxeccións de documentais galegos e 60 actividades literarias.

O concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, presentaron os catro programas que chegarán a Santiago: Circuíto 4x4, Espazos Sonoros, Cinemas Dixitais e Letras Vivas. Desenvolveranse no Teatro Principal, nas igrexas de Bonaval e da Universidade e na rede de centros socioculturais.

Circuíto 4x4 traerá ao Teatro Principal 12 actuacións de grupos galegos de música tradicional e folk, fusión e canción de autor. Os concertos comezan o venres 18, con Leo Gianetto’s Jazz Project, e prolongaranse ata o 30 de xuño. No ciclo de fusión participan catro grupos: Mercedes Peón, Leo Giannetto’s Jazz Poject, ISGA Collective e Víctor Aneiros Band. No de música tradicional e folk estarán Fía na Roca, Faltriqueira, Treixadura e Quempallou. E no de canción e autor participarán Narf, Rosa Cedrón, Silvia Penide e Carmen Dor.

Noutro dos programas, Espazos Sonoros, ofrécese unha variada programación de música clásica, contemporánea e experimental. Santiago acollerá nove concertos, incluídos en tres ciclos. O de música vocal desenvólvese na igrexa de San Domingos de Bonaval, cos concertos de Solo Voces, da Capela Madrigalista, do Ensemble Gilles Binchois e da Camerata Vivace. A Igrexa da Universidade acollerá outros dous ciclos. O de música antiga celebrarase en maio e contará coas actuacións de Grupo 1500, Harmonía Artificiosa e Martín Codax. E entre maio e xuño, dous concertos do ciclo de outros sons a cargo de Mongolia Huun Huur Tu e dos brasileiros Sao Paulo Underground.

Documentais e letras
O cinema tamén ten un lugar propio na programación, coa iniciativa Cinemas Dixitais, da Axencia Galega do Audiovisual, que achegará algúns dos documentais galegos máis recentes. Serán máis de 30 proxeccións ata decembro nos centros socioculturais de Fontiñas, O Ensanche, Conxo, Vite, O Castiñeiriño, A Rocha, A Trisca e Villestro.

Finalmente, o programa Letras Vivas sitúase no ámbito da creación literaria e o fomento da lectura. Creadores galegos ofrecen contacontos, títeres, obradoiros e recitais dirixidos a fomentar o hábito da lectura en todo tipo de públicos. Serán 60 actividades que se desenvolverán na rede de centros socioculturais de Santiago.

Compartir: