ALCALDÍA

A Universidade de Arquitectura de Hanoi (Vietnam) interésase polo modelo de transformación urbana de Santiago

17/04/2008 O reitor da Universidade de Arquitectura de Hanoi (Vietnam), Tran Trong Hanh, foi recibido en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. No encontro, falaron sobre o modelo de transformación urbana de Santiago como un exemplo a estudar nos procesos de cambio que están vivindo as cidades vietnamitas a causa das migracións masivas procedentes do campo.

Tran Trong Hanh viaxou a Santiago acompañado do arquitecto Fernando Ramos, da University Network for Sustainable Architectural Design and Urban Planning, un proxecto dedicado ao deseño de arquitectura sostible e de planeamentos urbanos, do que participan, ademais da Universidade de Arquitectura de Hanoi, a Politécnica de Milán e a Universidade Politécnica de Cataluña. Neste marco, ambos quixeron coñecer iniciativas como a Aula de Renovación Urbana.

A súa estancia en Santiago tamén incluía visitas ao Colexio de Arquitectos de Galicia, ao Consorcio e á Cidade da Cultura. No encontro en Raxoi tamén participou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Compartir: