COMERCIO

As conferencias sobre comercio organizadas por Promoción Económica rematan cunha charla sobre axudas á innovación

17/04/2008 A Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) acolle o venres, 18 de abril, de 20:00 a 21:30 horas, a última charla do ciclo Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio, organizadas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo dentro das actividades de Marzo, mes co comercio. A charla sobre Axudas á innovación no pequeno comercio será impartida polo subdirector xeral de Comercio da Consellería de Innovación e Industria, Antón Baeza Barrantes.

As Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio, de balde e abertas ao público, céntranse na publicidade, na comunicación e nas novas tecnoloxías. A Concellaría de Promoción Económica e Comercio repartiu entre os comerciantes da cidade 3.000 dípticos co programa das xornadas, que tamén se pode consultar na web da Concellaría: www.maiscompostela.org. As cinco primeiras charlas desenvolvéronse entre o 10 e o 14 de marzo.

Con estas conferencias a Concellaría de Promoción Económica e Comercio responde á demanda do sector comercial de formación especializada en innovación e novas tecnoloxías, cada vez máis necesaria para mellorar a competitividade e modernizar o pequeno e mediano comercio.

Compartir: