ALCALDÍA

Unha Comisión elixirá o proxecto para a remodelación da praza de Galicia

17/04/2008 Unha Comisión será a encargada de estudar os anteproxectos gañadores do concurso de ideas para a remodelación da praza de Galicia, co fin de propoñer o máis idóneo nun prazo de dous meses. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen adiantou tamén que todos os cidadáns poderán tamén achegar as súas suxestións a través desta web.

A finais de xuño esta Comisión proporá o arquitecto e as indicacións necesarias para levar a cabo este proxecto, fundamental para a futura integración do Ensanche compostelán coa cidade histórica. Este órgano estará integrado pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; polo concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama; pola concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Socorro García Conde, e por tres técnicos municipais: a directora da Área de Urbanismo, Berta Rosón; o xefe do Servizo de Programación e Proxección, Enrique Seoane; e o xefe do Servizo de Rehabilitación, Javier Fernández.

1.276 licenzas en nove días
Sánchez Bugallo aproveitou tamén a súa rolda de prensa semanal para avaliar os efectos da entrada das Normas do Hábitat no capítulo de licenzas. Segundo indicou, en nove días solicitáronse 1.276 licenzas de obra, das que 962 corresponden a edificios colectivos e 314 a vivendas unifamiliares. "Isto é máis que en todo o ano pasado e obrigará a facer un esforzo para darlle saída a todas estas licenzas", afirmou. A previsión é que todas as solicitudes correctamente documentadas poidan ser resoltas nun prazo de tres meses, aínda que a marxe legal é de seis.

Compartir: