CULTURA

Máis espectáculos repartidos por toda a cidade nunha nova xornada de Compostela Máxica

16/04/2008 Compostela Máxica 2008. II Semana Internacional do Ilusionismo terá o xoves 17 de abril unha das súas xornadas máis completa. Serán 13 os diferentes espectáculos que se poderán desfrutar por todo Santiago, incluíndo dúas galas familiares no Teatro Principal.

Os escolares continuarán desfrutando de maxia pola mañá no Teatro Principal. Ás 10:00 horas será o Mago Xacobe co espectáculo Ilusións Máxicas 2008 e, ás 12:30 horas, Maxilusión, de Javier Muro. A maxia tamén sae á rua un día máis, na Praza Roxa, nas Praterías e no Toural, que se tornarán escenario dos mellores magos do mundo. Ás 13:00 horas, Steve Faulkner estará na Praza Roxa; Miguelillo nas Praterías e Jean Philippe na praza do Toural. Ás 19:00 horas serán Malo, el Malísimo; Miguelillo e Dr. Marrax os que actuen na Praza Roxa, nas Praterías e no Toural, respectivamente.

A Maxia chega a máis Centros Socioculturais da cidade. Ás 18:30 horas, Martín Camiña fará unha función no CSC do Ensanche, e ás 19:00 horas o Mago Romarís estará no CSC "José Saramago" de Vite.

Ás 20:00 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira das galas familiares do día. Desta volta, será Luís Boyano o protagonista, coa súa función Con todo corazón. Xa ás 22:30 horas, a segunda das galas do Teatro Principal con Román García e o seu espectáculo Laberinto de ilusións.

Para os máis noctámbulos unha nova sesión no Pub Dado-Dadá de Maxia no Dado, coas actuacións de Jean Philippe, Luis Manuel e Cayetano Lledó, a partir da medianoite.

Compartir: