CULTURA

A contralto Ewa Podles e a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretan obras de Rossini

16/04/2008 O xoves 17 de abril, ás 21:00 horas, terá lugar un novo concerto de abono no Auditorio. Nesta ocasión, a protagonista é a Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta do seu titular, Víctor Pablo Pérez.

A primeira parte do programa estará dedicada a obras Rossini: apertura de O barbeiro de Sevilla e a cantata Giovanna d’ Arco. Rossini foi, dende principios do XIX, o amo da música lírica europea. Todos os compositores da época, incluídos aqueles que traballaban de forma prioritaria outros xéneros, querían ser Rossini.

A cantata Xoana de Arco é obra de reducidas dimensións. Rossini fixo dúas versións, unha para piano –ou mezzo-, de 1832, e outra con piano e cordas, de 1852. Moito máis tarde, o italiano Salvatore Sciarrino (Palermo,1947) decidiu actualizar a obra e realizou unha revisión con orquestra moderna que lle dedicou a Teresa Berganza, quen a estreou no festival Rossini de Pésaro de 1989. Sciarrino fixo un bo traballo, xa que soubo manter a frescura da páxina, aínda que a enriqueceu coa adición á corda dunha frauta, dous óboes, dous clarinetes, dous fagots, dúas trompas e dous trombóns.

Rossini quedou impregnado máis dunha vez pola personalidade estética e expresiva do de Bonn e na cantata Xoana de Arco compróbase en certos acentos e sonoridades.

A música de Ludwig van Beethoven pecha este concerto. A Sinfonía núm. 8 foi escrita entre 1811 e 1812 e estreada o 27 de febreiro de 1814. Non leva dedicatoria e foi cualificada polo autor de pequena, para diferenciala doutras.

Ewa Podles e a Sinfónica
Ademais dunha facilidade técnica asombrosa, a contralto polaca Ewa Podles conta con dous atributos pouco frecuentes: canta cun timbre distinto e unha profundidade de entrega emocional conmovedora.

Pola súa parte, a Orquestra Sinfónica de Galicia, ben coñecida polos espectadores santiagueses, foi creada en 1992. É unha das agrupacións con maior proxección de España. Cada ano organiza a súa temporada de concertos, un ciclo de música de cámara, o Festival Mozart da Coruña e programas didácticos para todos.

Compartir: