CENTROS SOCIOCULTURAIS

Alba Cid e David Vázquez gañan os premios "Aurelio Aguirre" e "José Saramago"

16/04/2008 O V Certame de poesía Aurelio Aguirre e o VII Certame de relato curto José Saramago xa teñen gañadores. Son, respectivamente, Alba Cid Fernández e David Vázquez Álvarez. Nesta edición presentáronse 27 traballos de poesía e 21 relatos curtos.

O concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, anunciou o nome dos gañadores. Así, o Certame de poesía Aurelio Aguirre recoñeceu a obra titulada Caolín canela, realizada por Alba Cid Fernández. No concurso de relato curto, o galardoado foi David Vázquez Álvarez, pola súa obra Laio da serra.

Os premios entregaranse o 23 de abril, Día do Libro, nun acto que se celebrará no propio Concello. Será ás 20:30 horas.

Rego, acompañado do responsable da Rede de Centros Socioculturais, Enrique Vázquez, aproveitou tamén para presentar a edición 2008 dos dous certames, que presentan varias novidades. Dóbrase a contía dos premios, pasando de 500 a 1.000 euros e introdúcese a obrigatoriedade de presentar os traballos en lingua galega. As obras tamén se solicitarán en formato dixital, para facilitar a súa distribución e así coidar o medio ambiente. Ademais, as notificacións e avisos realizaranse a través da páxina web. Os interesados deberán presentar os seus traballos antes do 31 de decembro de 2008 no Rexistro Xeral do Concello (rúa do Presidente Salvador Allende, 4).

Documentos relacionados



Compartir: