EDUCACIÓN

Os Premios Educacompostela renovan a súa aposta pola innovación pedagóxica

16/04/2008 Chega a sexta edición dos Premios Educacompostela, na busca de recursos educativos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica. Os mellores traballos recibirán premios de 1.200, 900 e 600 euros.

Segundo indicou a concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, os interesados poderán presentar os seus traballos no Rexistro Xeral do Concello antes do 20 de xuño . Deben ser materiais didácticos orixinais, dirixidos aos diferentes niveis de ensino. Poden tratar sobre os temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria ou secundaria.

O xurado do Premio estará integrado póla concelleira de Educación, por dous representantes de Nova Escola Galega, por dous representantes da Concellería de Educación, polo director do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, por un representante dos Cefores de Galicia e por un representante das editoriais galegas.

Acompañou á concelleira na rolda Xesús Rodríguez, membro de Nova Escola Galega, co-organizadora do certame, quen apuntou que "aínda queda moito que traballar en canto á innovación pedagóxica" e resaltou o papel das novas tecnoloxías neste cometido.

Na edición de 2007, o gañador fora un traballo denominado "Como traballar a lóxica matemática a partir das rutinas da aula", realizado en conxunto por alumnos de varios centros educativos galegos.

Documentos relacionados



Compartir: