CULTURA

Loli Nogueira substitúe a S.A.R no II Ciclo Revelando Voces

15/04/2008 O mércores 16 de abril, ás 21:00 horas, no Centro Sociocultural da Trisca, terá lugar a actuación de Loli Nogueira dentro do Ciclo Revelando Voces. en substitución do grupo S.A.R.

O grupo S.A.R. que tiña previsto o seu concerto para o mércores 16, viuse na obriga de suspendelo por problemas familiares dun dos seus compoñentes. A data do seu concerto será anunciada en breve.

Loli Nogueira preséntase acompañada á guitarra por Leo Giannetto, o seu compañeiro no dúo No Title, para estrearse en directo como cantautora, interpretando algúns temas propios. Na súa carreira artística destaca a súa participación no festival de folk INJUVE 2004 en Cartaxena como vocalista do grupo Nubeira e compartindo escenario con Capercaillie. Formou parte do grupo de rock Ixion e da SEM Big Band de Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela. Recentemente colaborou no disco Boleros & Jazz xunto co José Nine Cuarteto e como vocalista no grupo Brandelia.

O ciclo Revelando Voces, que deu comezo no ano 2007, é unha iniciativa da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais que ten por obxecto apoiar a cantantes e grupos que veñen actuando en Santiago e que ten por escenario os centros socioculturais. No programa de 2008 conta ca presenza de: Loli Nogueira, Snatch, Héctor Lorenzo, S.A.R., Detour, Miguel Alonso, O leo i arremecághona!!! e Ataque escampe. A entrada é libre ata completar o aforo.

Compartir: