CULTURA

Michael Nyman volve a Compostela coa sua banda

15/04/2008 Despois do éxito das súas dúas anteriores presenzas en Santiago, en 2000 e 2004, Michael Nyman volve a ofrecer un concerto en Santiago, desta man acompañado da súa banda. Será no Multiusos Fontes do Sar, o venres 16 de maio ás 22:00 horas, nunha actuación para un aforo de 2.500 persoas.

O xerente do Multiusos, Santiago López Cuadrado, destacou "a capacidade para contactar co todo tipo de públicos" de Michael Nyman, músico que está "na memoria visual e musical" grazas ás súas bandas sonoras para filmes coma O Piano, de Jane Campion, ou diversos filmes de Meter Greenaway.

Serán ata 2.500 os que poidan asistir a este concerto, para o cal se elevarán as plateas, facilitando así a visión do espectáculo. Tamén haberá dúas pantallas de 4x5 e realización televisiva para que ninguén perda detalle do que acontece no escenario. O prezo das entradas é de 25 euros para as plateas e de 20 euros para as gradas. Os billetes pódense mercar a través do sistema de venda electrónica de Caixa Galicia, con descontos do 15% tano para os posuidores da tarxeta Visa Electrón NetClub como para os abonados do Multiusos ou de Santa Isabel.

Ao respecto do concerto, o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, salientou o éxito das anteriores actuacións de Nyman en Santiago, e indicou que concertos como este confirman ao Multiusos Fontes do Sar como" equipamento cultural fundamental na vida da cidade", capaz de programar "eventos de gran formato e calidade". Acompañaron ao concelleiro e ao xerente do Multiusos na presentación a xerente da Zona de Santiago da Fundación Caixa Galicia, Ana Salgado; e o brand manager de 1906 Reserva Especial, Juan Paz.

Compartir: