COMERCIO

Compostela Outlet conta con 117 comercios preinscritos

14/04/2008 Ata 117 establecementos comerciais formalizaron a preinscrición para participar en Compostela Outlet. II Feira do Comercio polo miúdo, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco do programa Marzo, mes do comercio. Esta cifra representa un 50% de incremento sobre a primeira feira de saldos celebrada en 2007, na que participaron 78 comercios.

Compostela Outlet celebrarase o 26 e 27 de abril no Recinto Feiral de Amio. Esta feira de saldos desenvólvese por segundo ano consecutivo co obxectivo de axudar aos establecementos de venda polo miudo a liquidar existencias.

Entre os comercios preinscritos no outlet hai unha gran variedade de oferta comercial: moda infantil, roupa de señora e de cabaleiro, lencerías, peleterías, xoierías, e tendas de deporte, calzado, complementos, decoración, etc.

O prazo de preinscrición en Compostela Outlet rematou o 11 de abril. Versal Comunicación, a empresa encargada da organización da feira de saldos, adxudicará os postos aos expositores por orde de entrada da preinscición no Rexistro Xeral do Concello. Para calquera tipo de dúbida sobre a participación, organización ou desenvolvemento do outlet, os establecementos que realizaron a preinscrición deben dirixirse ao teléfono de Versal: 981 555 920.

Compartir: