CIDADE HISTÓRICA

O Concello inicia a modificación puntual do Plan Especial para as sedes do Museo de Santiago e do auditorio de Caixanova

14/04/2008 O Goberno local iniciou o procedemento para modificar puntual mente o Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica, co obxecto de adaptar ao mesmo o que serán as novas sedes do Museo das Peregrinacións e do Centro Sociocultural Caixanova, na antiga sede do Banco de España e no edificio do Pilar, respectivamente.

A modificación no antigo Banco de España apróbase segundo proxecto presentado o 22 de febreiro de 2008 polo Consorcio, coa condición de eliminar o elemento de lucernario debuxado no plano de alzados. Esta modificación do Plan especial adapta a ordenación inicial, como equipamento público de uso institucional-administrativo ao novo uso previsto como Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxo anteproxecto redactou o arquitecto Manuel Gallego Jorreto.

A xuízo da Oficina Municipal de Rehabilitación, o lucernario descrito require "dunha profunda reflexión por parte do autor do proxecto e da exhaustiva análise do seu impacto dende o espazo público por parte da Administración".

Preguntoiro
En canto ao edificio número 23 da rúa do Preguntoiro, a modificación puntual apróbase segundo proxecto presentado o 20 de febreiro por Caixanova, coa condición de que se presente un documento reformado no que se amplíe o uso asignado –comercial- coa incorporación dos seguintes usos dotacionais: sociocultural, institucional-administrativo, asistencial e docente.

Tamén se indica a necesidade de conservar a escaleira interior protexida, xa que lonxe de impedir a implantación do auditorio, ofrece pautas e referencias de gran utilidade para a imaxe final do conxunto e a súa organización interna.

Compartir: