ALCALDÍA

O tenente xeneral Juan Yagüe agradece a acollida de Santiago nos seus anos ao fronte da Forza Loxística Operativa do Noroeste

14/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao xeneral xefe da Forza Loxística Operativa do Noroeste, Juan Yagüe Martínez del Campo, que o 17 de abril pasará á reserva. Este agradeceu a colaboración do rexedor compostelán nos seus anos ao fronte desta unidade e a acollida dos composteláns neste tempo.

Yagüe era o xefe da Forza Loxística Operativa do Noroeste dende setembro de 2004. Esta é a unidade do Exército de Terra destinada a achegar apoio loxístico ás unidades despregadas, por exemplo, en misións internacionais. Dende esta unidade partiron cara o exterior diversas misións, que levaron a máis de 3.000 militares a lugares como Afganistán, Kosovo, Bosnia-Herzegovina e Líbano.

O propio Yagüe ten participado en distintas misións de paz. Como dato curioso, a el foille confiado o mando da praza militar de Ceuta tras o conflito do illote de Perejil.

Compartir: