ALCALDÍA

Stefano Presi gaña o concurso de ideas da praza de Galicia cunha proposta caracterizada por un amplo e expresivo espazo peonil

12/04/2008 O xurado do Concurso de ideas para a remodelación da Praza de Galicia acordou por unanimidade designar como gañador o anteproxecto presentado polo italiano Stefano Presi. Faise así cun premio de 12.000 euros por un traballo cunha "acertada ordenación do conxunto da praza na que destaca o esforzo por dotala de entidade e configurar nela un amplío espacio peonil apoiándose na fachada máis idónea". Ao concurso presentáronse 40 traballos.

O presidente do xurado e decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, anunciou o nome do gañador, así como dos outros tres premiados, que recibirán, respectivamente, 6.000, 3.000 e 2.000 euros. Coñecidos os galardoados, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que "agora temos un maravilloso campo de traballo para tomar a decisión definitiva sobre a praza de Galicia". Ábrese agora, segundo dixo, "un período de reflexión para tomar unha decisión con garantías, con vistas a que o ano que vén poidan comezar as obras, se estas puideran estar rematadas antes do 25 de xullo de 2010; de non ser asi, igual se empezan máis tarde".

Apuntou Sánchez Bugallo que o proxecto de remodelación da praza "deberá cumprir o seu papel e coa debida presenza física". Neste sentido, terá que dar resposta ás necesidades deste espazo "como punto nodal donde conflúe a Cidade Histórica e o Ensanche, e como punto neurálxico das vías de transporte urbano e de tráficos peonís", engadiu.

O traballo de Stéfano Presi foi elixido entre un total de 33 propostas, das 40 presentadas en total. Segundo explicou García Braña, a primeira selección deixou quince propostas, das que finalmente quedarían seis. Entre estas elixíronse os catro primeiros clasificados. Entre o conxunto dos 33 traballos –indicou o arquitecto Alfonso Penela- todos salvo un apostaban por "recuperar o máximo de espazo para os peóns". Uns apostaban por conquistar este espazo peonil cara a dereita e outros cara a esquerda.

Alta expresividade do conxunto
O proxecto de Stefano Presi destaca tamén, segundo o xurado, pola "economía dos medios coa que se acada unha alta expresividade do conxunto, apoiándose en pavimentación, espazos cubertos, e lucernarios sobre aparcamento". Non obstante, incídese en que, en relación ao tráfico, "deben estudarse máis polo miúdo algúns aspectos de detalle: autobuses, paradas de taxis...".

Igualmente, enténdese que o proxecto "debería buscar unha maior presenza a través dos espazos cubertos que se propoñen". Finalmente, na medida en que o proxecto definitivo o posibilite, o xurado entende que deberían conservarse algunha das árbores existentes. Sobre este proxecto, o arquitecto José Manuel Casabella afirmou que "é o máis realista e atractivo dende o punto de vista do deseño, e non implica grandes soterramentos".

Stefano Presi
O italiano Stéfano Presi vive e traballa entre Vicenza (Italia) e Madrid, desenvolvendo unha constante actividade de investigación sobre cidade e arquitectura, e participando en concursos internacionais, obtendo varios premios. Cómpre destacar algúns como: praza San Martín de Moniga del Garda (primeiro premio), paza de Cantú (segundo premio), praza e concello de Santa Marinella (segundo premio) ou residencia para a terceira idade en Bologna (segundo premio).

En colaboración con outros profesionais de Madrid traballa actualmente no deseño do edificio sede do Servizo de Saúde de Castela-A Mancha (Toledo), da Casa Museo de El Greco (Toledo) e do Museo Arqueoloxico de Oviedo, todos en construcción. Tamén no Museo de Málaga, en licitación, e no xa rematado Hospital Infanta Sofía de San Sebastián de los Reyes.

Tres propostas singulares
O segundo premio foi para o proxecto presentado por Carlos Higinio Esteban Crespo, Xosé Ramiro Sánchez Carro e Juan José Tur Mc Glone. Neste, o xurado valorou "a concentración do espacio peonil, anque quizais non no espacio máis axeitado". Tamén se estimou "a proxección dos espacios cubertos e a súa proposta formal; non obstante, non parece acertada a fragmentación tan rotunda da topografía da praza". Segundo Casabella, "este traballo presenta algunha dificultade á hora de plantexar os accesos ao aparcadoiro".

Marina Berasategui Canals e Remko Jan Dirkmaat fixéronse co terceiro premio por un proxecto que propón "un atractivo intercambiador e aparcadoiro intelixente en altura no centro da praza", resaltou Casabella. Para o xurado, este é un deseño "enormemente suxerinte na medida na que abre posibilidades a unha reflexión menos habitual de entender a cidade". Con todo, afirma, "carece de solucións matizadas en relación co propio tráfico e o uso estancial; ademais pola súa radicalidade non podería entenderse sen conexións máis estreitas co resto da cidade, o que supera a ambición inicial do concurso".

Finalmente, o cuarto premio recaeu en José González-Cebrián Tello, por un proxecto que, a xuízo do xurado, ofrece "unha resposta coherente coa evolución histórica desta parte da cidade". Nas deliberacións valorouse "a ordenación do conxunto, pero o custo que supón o soterramento do tráfico anula o rédito obtido".

Compartir: