CULTURA

Bota a andar Compostela Máxica 2008

11/04/2008 Compostela Máxica 2008. II Semana Internacional do Ilusionismo comeza o sábado 12 para goce de todos os que gostan da ilusión, da maxia e do ilusionismo. Será cunha gran gala que, aínda que inicialmente estaba previsto celebrarse na Praza da Quintana, tivo que trasladarse ao Teatro Principal, por motivos meteorolóxicos.

A partir das 22:00 horas. o Teatro Principal acollerá o punto de partida a unha semana na que máis de 30 magos chegados de todo o mundo farán aínda máis máxica, se cabe, esta cidade. A entrada é de balde pero hai que recoller convite. Iso pode facerse dende as 12:30 ata as 14:00 h e dende as 18:00 ata que comece o espectáculo na propia taquilla do Teatro. Nesta gala actuarán os magos Román García, Mago Romarís, Luis Manuel e Lipan and Company, presentados polo Mago Antón.

Logo desta xornada inaugural, o domingo 13 haberá unha Gala Familiar ás 20:00 horas no Teatro Principal, na que o Mago Cali fará as delicias de pequenos e maiores co seu espectáculo "Maxia para soñar". E xa luns 14, o festival ofrece programación dende as 10:00 ata as 24:00 horas. Maxia para escolares, na rúa, no Teatro, no Dado-Dadá... Maxia en toda a cidade e todo o día. É de destacar nesta xornada máxica a actuación de René Lavand co seu espectáculo "No se puede hacer más lento", ás 21:00 horas no Teatro Principal. De feito, o Mago Antón destacou na rolda de prensa de presentación do festival esta actuación como especial. "Lavand é un referente para todos os magos de hoxe- dixo- e poder velo en directo é todo un luxo,"

Compartir: