CULTURA

Tom Zé achega o seu vangardismo sonoro e compromiso a Compostela da man de Sons da Diversidade

11/04/2008 O ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura, ten o domingo 13 unha nova cita con todos os amantes das músicas do mundo. O tropicalista brasileiro Tom Zé chega a Compostela para facer gozar ao público co seu vangardismo sonoro, a súa poesía e o seu compromiso. Será no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas.

Tom Zé namorouse da música cando era moi pequeno, ao escoitar Luiz Gonzaga, Jackson do Pandeiro, e os grandes cantores. Aos 17 anos, descubriu a viola e a súa vida mudou. A música tornouse máis forte na súa vida e converteuse nun compositor que se inspira tanto nas ideas coma nos sons. Participou nos anos 70 nos shows que foron semente do tropicalismo xunto a Caetano Veloso, Gilberto Gil, Gal Costa ou Maria Bethânia, entre outros. Tom Zé aportou ao movemento a súa forma de compor, a súa ruptura de padróns e a súa antimúsica, que mesturaba o rico folclore cun certo primitivismo atemporal e unha elaboración extremadamente avanzada.

A finais dos 80, no entanto, Zé desalentado, estivo a punto de abandonar a música completamente, pero entón apareceu David Byrne e da súa man o disco The best of Tom Zé, que foi escollido como un dos mellores discos do ano 1990, polo xornal The New York Times. No ano 99, a revista Rolling Stone colocouno entre os mellores discos da década. Con defeito de fabricação, 1998, proxectou o compositor tamén como performer nunha xira americana. As xiras europeas suscitan o interese do público e da grande crítica internacional polo autor e polo seu repertorio.

En 2000 chegou Jogos de armar, da Trama, o primeiro lanzamento por unha discográfica brasileira despois de 20 anos. O compositor inventa instrumentos experimentais e ousadías formais desafiando unha vez máis a creatividade musical do seu tempo. Non é preciso ser un erudito para gozar da música de Tom Zé, pero axuda. Zé é un xénero en si mesmo, un mestre de cerimonias inflexible cun talento para ordenar forzas poderosas que manifesta as súas visións idiosincrásicas musicais.

En Santiago preséntase con Danç- Êh- Sá – Dança dos Herdeiros do Sacrifício, que ten como tema as rebelións e levantamentos das poboacións negras e indíxenas do Brasil, non moi destacados pola historia oficial. Tom Zé fala deses acontecementos nun disco eminentemente musical, fortemente rítmico, cuxas letras son formadas por onomatopeias e sonoridades verbais, sen recorrer a versos explícitos. "somos un país negro, somos herdeiros do traballo e da cultura desa raza que nos formou".

O CD recibiu numerosos premios e foi elixido como o mellor de MPB en 2007. Tamén en 2007 Tom Zé foi elixido como mellor compositor, gañando o Premio Shell. A xuventude é hoxe o público maioritario de Tom Zé. Ao escoitar as sonoridades e a singularidade da súa música enténdese esa afinidade, baseada nunha permanente e rebelde ousadía.

Compartir: