ALCALDÍA

Piñor alberga xa o segundo punto limpo da cidade e incorporará un sistema pioneiro de aproveitamento enerxético do biogás

11/04/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, inauguraron na xornada o novo punto limpo co que conta a cidade de Santiago. Está ubicado en Piñor, na parroquia de Figueiras, e trátase do segundo equipamento destas características na cidade, trala posta en funcionamento en abril de 2007 do punto limpo situado no polígono do Tambre. Unha vez selado o vertedoiro, incorporará como novidade un sistema para recuperar o biogás e transformalo en electricidade.

O novo equipamento conta cun contedor para cada tipo de residuo e nel poderanse depositar: entullos; mobles; metais; colchóns; voluminosos de madeira; material electrónico; electrodomésticos de liña branca (lavadoras, secadoras, conxeladores, etc.); electrodomésticos de liña marrón (televisores, vídeos, cadeas de música, etc.); pneumáticos; restos de podas; vidro; papel e cartón; envases, latas e briks; baterías; pilas; tubos fluorescentes de iluminación; e sprays; aceites minerais e sintéticos (os usados por exemplo nos vehículos); e aceites vexetais (os de uso alimentario); pinturas, vernices e disolventes; radiografías e termómetros, roupa e téxtiles; e cristais planos (tipo parabrisas), ventás e lámpadas.

Non se admitirán outro tipo de residuos coma lixo urbano orgánico (é dicir, o que se deposita no contedor clásico); medicamentos, tanto líquidos como sólidos; residuos infecciosos ou clínicos; materiais explosivos e/ou radioactivos; residuos non identificables; e recipientes voluminosos (volume superior a 30 litros), que contiveron residuos radiactivos.

O horario de funcionamento será de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas pola mañá, e de 16.30 a 19.30 horas pola tarde. O sábado amplíase o tempo en dúas horas, de xeito que permanecerá aberto de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30.

Aproveitamento do biogás do antigo vertedoiro
O vertedoiro de Piñor converterase no primeiro de Galicia no que se instalará un sistema pioneiro de aproveitamento do biogás para a produción de enerxía eléctrica. Ata o de agora, este tipo de vertedoiros, unha vez clausurados dispoñían dunha saída para os gases que se poidan desprender dos residuos selados, que se liberan directamente a atmosfera (se son pasivos) ou se eliminan (se son activos). A instalación do novo sistema permitirá recuperar estes gases para aproveitamento enerxético.

A Consellería de Medio Ambiente está a redactar o proxecto para a instalación do novo sistema, que suporá un investimento de 700.000 euro. Prevese que as obras poidan comezar en setembro e rematar en xaneiro de 2009. O selado do antigo vertedoiro de residuos sólidos urbanos e a construción do punto limpo supuxeron un investimento de 1.839.802 euros.

No acto inaugural, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, lembrou que o de Piñor fora o primeiro vertedoiro controlado que tivera Santiago. "Debaixo do que hoxe é un parque hai máis 500.000 toneladas de lixo, aos que lle debemos dar tempo á natureza para que os vaia dixerindo", indicou. Pola súa parte, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, cualificou o de Piñor coma "unha das grandes actuacións en materia de recuperación de espazos degradados pola acción dos vertidos sólidos urbanos" feitas polo seu departamento.

Compartir: