CULTURA

O debuxante Carlos Jiménez dá unha conferencia no marco da mostra "A Historieta Galega"

10/04/2008 O venres 11 de abril, ás 17:00 horas, a Sala Mozart Auditorio de Galicia acolle o relatorio Unha vida dedicada ao cómic, do debuxante Carlos Jiménez, quen debullará para o público a súa dilatada traxectoria artística no mundo do cómic. A actividade enmárcase dentro da mostra A Historieta Galega, que organizaron a Concellaría de Cultura e a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

O historietista Carlos Jiménez é un dos clásicos da historieta en España. Naceu en Madrid en 1941 e pasou a súa infancia interno nos fogares do Auxilio Social da España da posguerra. Isto marcará a súa vida e verase reflectido máis tarde na súa serie Paracuellos e noutras nas que recompila historias baseadas na Guerra Civil, 1936-1939. Comezou a traballar no estudio de Manuel López Blanco en 1959 e nesa época realizou os seus primeiros traballos para a axencia Ibergraf e para o mercado internacional. A súa primera serie importante foi Drake & Drake", seguida de Buck Jones. A súa colaboración con Víctor Mora deu como resultado as obras Dani Futuro, Iris de Andrómeda e Ray 25.

O seu labor máis destacado comeza a partir dos anos 70 con obras cun alto compromiso social. A meirande parte dos seus traballos publícanse no estranxeiro, sendo case un descoñecido en España. A súa obra acadou gran relevancia por poñer en contacto o cómic coa historia recente de España, a través de material con abundantes connotacións autobiográficas.

Diversas actividades para todos os públicos
A exposición Historieta Galega 1973-2008 desenvolveu unha serie de actividades para todo tipo de público que remataron o 5 de abril con grande éxito.

Nesas actividades, os debuxantes Fran Bueno, Jacobo Fernández, Norberto, Fernández e Pepe Carreiro debuxaron viñetas xigantes na propia sala de exposicións e explicaron ao público o proceso de realización de viñetas facendo talleres para aos máis pequenos. Agora, estas actividades compleméntanse con conferencias como a que dará Carlos Jiménez.

Compartir: