ALCALDÍA

Compostela convértese un ano máis en escaparate para o mercado inmobiliario

10/04/2008 O recinto feiral de Amio acolle do 10 ao 13 de abril a Feira de Vivenda de Galicia: Expovivenda’08. A deste ano será a oitava edición en Santiago dun evento convertido en gran escaparate para o mundo inmobiliario, onde se citan centos de empresas de Galicia, España e Portugal.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Vivenda,Teresa Táboas, inauguraron a mostra, que abrirá cada día de 11:00 a 21:00 horas. Serán 14.000 metros cadrados de exposición e un volume de negocio estimado de 24 millóns de euros. As previsións son de superar a asistencia da edición de 2007, na que pasaron por Amio máis de 25.000 persoas. O prezo da entrada é de 5 euros.

A feira dispón de catro partes diferenciadas e complementarias: o VIII Salón da Oferta Inmobiliaria, o Salón Profesional de Equipamentos de Construción, o VIII Salón do Interiorismo e o IV Monográfico de Antigüidades e Almoedas. En todos estes salóns, o visitante ten ao seu alcance todo o relacionado coas decisións respecto á súa vivenda, con solucións para adquirir, habilitar e acomodar o mesmo.

No Salón da Oferta Inmobiliaria as promotoras e construtoras dan a coñecer aos visitantes as diferentes opcións do mercado. Alí tamén están diversas empresas e entidades relacionadas co ámbito inmobiliario: restauración de vivendas, axentes da propiedade, asesores, seguros, entidades financeiras, organismos oficiais… Noutro espazo, o Salón do Interiorismo inclúe ás empresas de decoración e arquitectura de interiores, que ofrecen múltiples solucións para o acabado ou reforma do fogar.

Tamén repite na mostra o Monográfico de Antigüidades e Almoedas, que espertou o interese do público en anteriores anos. Novidade nesta edición é o Salón Profesional de Equipamentos de Construción, destinado a todos os profesionais relacionados co ámbito da construción. Neste espazo estarán as empresas, asociacións e institucións que fabrican ou comercializan produtos conectados coa construción en obra pública ou privada.

Compartir: