EDUCACIÓN

As escolas infantís de Conxo e Fontiñas seguirán sendo de titularidade municipal

10/04/2008 A Concellería de Educación, Guadalupe Rodríguez, manifestou en rolda que se vai manter o sistema de xestión municipal das Escolas Infantís de Conxo e Fontiñas co obxecto de propiciar a pluralidade de oferta educativa. "Esa é a vontade desta Concellaría, dos alcaldes e dos pais e nais dos rapaces destas dúas escolas", sinalou.

Guadalupe Rodríguez, fixo fincapé no "excelente" funcionamento das escolas infantís de Conxo e Fontiñas, e na satisfacción dos pais e nais cos mesmo. A concelleira valorou este funcionamento como "exemplar e impecable, tanto no senso municipal como da empresa adxudicataria e dos educadores que a integran". De aí a decisión de que estas dúas non se unan á rede de Galescolas. Si se adherirán os de San Roque, Tambre e Trasparlamento, que dependerán directamente da xestión da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

Respecto do conflito xerado recentemente, Guadalupe Rodríguez indicou que nace como consecuencia da redución de subvencións que Vicepresidencia aplicou a estes centros logo da posta en funcionamento da rede de Galescolas, o que representaba o 40% do orzamento necesario. Para paliar esta nova situación o Concello xa aumentou as correspondentes cantidades para suplir a devandita subvención.

Segundo indicou a concelleira, a día 31 de marzo os pagos coa empresa adxudicataria están totalmente ao corrente. Solicitouse á empresa adxudicataria a documentación necesaria para xustificar o desequilibrio económico. Entregada a mesma, está sendo sometida ó correspondente estudo por parte dos servizos económicos do Concello.

Unha vez aprobados os orzamentos para o presente exercicio, a Concellería de Educación sacará a concurso, cun orzamento revisado e axustado ás necesidades, a adxudicación da xestión das dúas escolas infantís de Conxo e Fontiñas.

Compartir: