ALCALDÍA

As cidades do mundo que levan o nome de Santiago reuniranse en outubro na República Dominicana

09/04/2008 Unha delegación da cidade de Santiago de los Caballeros (República Dominicana) foi recibida en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Na xuntanza cursáronlle a invitación para asistir a un congreso que reunirá nesta cidade americana, en outubro, ás cidades do mundo que levan o nome de Santiago.

Os representantes desta cidade dominicana, coa que está irmandada Compostela, explicáronlle polo miúdo ao alcalde os detalles deste congreso. A delegación de Santiago de los Caballeros, de visita en Galicia, estaba integrada por Rafael Núñez, secretario de Planificación e Desenvolvemento; Ingrid Fernández, directora executiva da Corporación de Aseo de Santiago (CASA); Aridys Hernández, encargado de Recheo Sanitario da municipalidade; e Edwin De Moya, xefe de gabinete do alcalde de Santiago de los Caballeros.

Santiago de Compostela e Santiago de los Caballeros teñen uns especiais lazos de unión dende que o 25 de novembro de 2005 asinaran o seu irmandamento en terras dominicanas, ratificado o 26 de xullo de 2006 en Raxoi. As dúas cidades rubricaron un convenio de cooperación baseado na realización de futuros intercambios culturais, sociais, económicos e turísticos. En concreto, os dous municipios comprometéronse a desenvolver un programa de cooperación centrado no desenvolvemento estratéxico de centros históricos, educación ambiental integral e manexo integral dos refugallos sólidos.

Santiago de los Caballeros
Santiago de los Caballeros foi fundada en 1495 por Cristóbal Colón, constituíndose no primeiro Santiago de América en honra ao Apóstolo Santiago. A tradición conta que os primeiros poboadores foron trinta cabaleiros da Orde de Santiago o Maior, polo que en 1504 pasou a chamarse Santiago de los Caballeros.

É a segunda cidade en importancia da República Dominicana e a capital industrial deste país. Cunha poboación de máis de 600.000 habitantes, é coñecida como a "cidade corazón" polas súas importantes iniciativas no plano social, económico, político e cultural do país. Ademais, comparte con Compostela o feito de ter un importante centro histórico, que nestes momentos está a rehabilitar. Ademais, como Santiago, ten o seu propio Plan Estratéxico cun horizonte fixado en 2010.

Compartir: