FESTAS

Verónica Codesal traerá o folk galego-belga á Quintana no Día do Apóstolo

25/07/2005 No concerto, que comezará ás 23 horas, actuarán como convidados Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane e Leilía+Guancho.

Nada en Bruselas, filla de emigrantes galegos, Verónica Codesal amosou dende moi cedo a súa paixón pola música e o baile galego. Enriqueceu o seu coñecemento da música tradicional galega a través de profesionais do panorama musical galego. Tras os seus estudos decidiu adicarse por completo á súa paixón.

Fundaría, xunto con outras galegas da emigración o grupo de pandereteiras Ialma, cun primeiro traballo que sairía no ano 2000, "Palabras darei", co cal se deron a coñecer en Bélxica, e co que tiveron a oportunidade de facer unha xira con Carlos Núñez. No ano 2003 sairía á luz o segundo traballo, "Marmuladas", onde Ialma fixo un encontro xunto con músicos belgas, aportando deste xeito un son innovador, e dándose a coñecer así o grupo finalmente en Galiza, amosando o seu traballo á súa terra.

En "Ialma" destacan a frescura vocal cunha musicalidade incrementada no que se misturan as influencias dos seus antergos galegos e as influencias valonas e flamencas da cultura belga, dando como resultado un incríble son dentro da world music. A medida que o grupo vai avanzando, o seu público tamén se vai ampliando sen por iso desvencellarse do folk.

Pero ademais de formar parte deste grupo de pandereteiras fillas da emigración, esta cantante e gaiteira, triunfou no festival de Eurovision de 2003 co grupo "Urban Trad", que acadou o segundo posto no certame.

A proposta de Verónica Codesal para o Compostela Festival quere ser unha representación da súa carreira artística na emigración, na que estivo presente sempre a tradición e a cal Verónica deulle sempre unha relevancia e presencia primordial. En definitiva, a mellor homenaxe que Verónica Codesal podería facer á emigración galega.

Compartir: