CONSORCIO

Unha nova publicación analiza a delincuencia e represión na antiga provincia de Santiago entre 1700 e 1834

09/04/2008 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o libro Crimen, criminales y reos. La delincuencia y su represión en la antigua provincia de Santiago entre 1700 y 1834. A publicación recolle o traballo de Raquel Iglesias Estepa, baseado na súa tese doutoral sobre "comportamentos criminais na sociedade galega de fins do Antigo Réxime".

Raquel Iglesias recolle no libro, publicado polo Consorcio en colaboración con Nigratrea, unha das facetas máis escuras da historia civil compostelá, que nos revela "unha Galicia con rasgos propios que derivan da súa condición de país rural", tal como manifesta Ofelia Rey Castelao, directora da súa tese doutoral.

A través destas páxinas, os lectores poden observar unha visión moi completa dun tempo que abarca máis dun século e medio e dun espazo diferenciado entre o mundo rural e urbano.

Crimen, criminales y reos estrutúrase en tres partes complementarias. Na primeira, e máis extensa, a autora analiza con detalle as características xerais dos distintos tipos de crimes executados na provincia de Santiago a finais do Antigo Réxime. Na segunda parte, Raquel Iglesias examina en profundidade as circunstancias persoais, socioeconómicas e culturais dos delincuentes e vítimas. Finalmente, na terceira parte, ocúpase da represión do crime que levan a cabo os tribunais galegos e do exercicio da chamada "graza xudicial".

En canto a documentación utilizada, Raquel Iglesias sinala que as fontes xudiciais constitúen a base principal das investigacións sobre o crime. Neste sentido, o Arquivo do Reino de Galicia conserva unha importante cantidade de causas atendidas pola Real Audiencia de Galicia, órgano superior da xustiza no Antigo Réxime. Neste arquivo atopou a autora os preitos criminais referidos á provincia de Santiago entre 1700 e 1834. O resultado final da investigación desta fonte abrangue a consulta de 1.465 litixios penais. O outro piar documental deste libro foi o dos protocolos notariais, especialmente os conservados no Arquivo Histórico Universitario de Santiago.

Pero ademais, Raquel Iglesias botou man de outras moitas fontes documentais, como por exemplo a conservada no fondo do Consello de Castela do Arquivo Histórico Nacional, do Arquivo Xeral de Simancas, así como libros de bandos e de consistorios do Arquivo Municipal de Santiago; Constitucións Sinodais do Arcebispado de Santiago; a serie Xurisdicional do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago e outras fontes de literatura ilustrada galega na que se tratan distintos aspectos de administración de xustiza e a conflitividade xudicial.

En definitiva, este libro de Raquel Iglesias constitúe, tanto para interesados como para investigadores, unha vía de acceso fundamental á sociedade galega de finais do Antigo Réxime.

Compartir: