COMERCIO

Cinco novas conferencias sobre comunicación e innovación para o pequeno comercio

07/04/2008 Do 14 ao 18 de abril terá lugar na sede da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) a segunda parte do ciclo Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio, organizadas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Este segundo bloque componse de cinco charlas gratuítas programadas no conxunto de actividades deseñadas baixo o lema Marzo, mes do comercio.

As Conferencias sobre Comunicación e Innovación para o pequeno comercio desenvólvense en duas etapas: cinco impartíronse entre o 10 e o 14 de marzo, e as outras cinco celebraranse do 14 ao 18 de abril. As charlas céntranse na publicidade, na comunicación e nas novas tecnoloxías. Promoción Económica e Comercio repartiu entre aos comerciantes da cidade 3.000 dípticos co programa das xornadas, que tamén se pode consultar na web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

Con estas conferencias o departamento responde á demanda do sector comercial de formación especializada en innovación e novas tecnoloxias, cada vez máis necesaria para mellorar a competitividade e modernizar o pequeno e mediano comercio. Esta demanda detectouse na Campaña de difusión e sensibilización cara a formación, realizada entre o 28 de maio e o 15 de xuño do 2007, na que se visitaron 1.703 establecementos de Santiago.

As conferencias programadas entre o 14 e o 18 de abril, que se celebrarán entre as 20:30 e as 21:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia son: A identidade corporativa gráfica, Novas tecnoloxías nas PEMES, Webs, blogs, publicidade en internet e presentacións audiovisuais, Follas de cálculo: Excel e a súa aplicación na pequena empresa, Escaparatismo e deseño de interiores e Axudas á innovación no pequeno comercio.

Compartir: