DEPORTES

O pavillón polideportivo de Santa Isabel contará cunha nova pista

07/04/2008 A Xunta de Goberno aprobou a realización de obras no pavillón polideportivo de Santa Isabel. En concreto, trátase dun investimento de 200.315 euros para a instalación dun novo pavimento de parqué que substituirá ao actual.

Para a realización desta obra solicitarase á Consellería de Cultura e Deporte unha subvención polo 50% do custo total (100.157 euros.). Colocarase así un pavimento de madeira dos considerados elásticos, instalado sobre dobre rastrel. Cumprirase así coas esixencias deportivas de determinadas competicións, ademais de garantir as condicións necesarias para o desenvolvemento dunha actividade física segura.

O novo pavimento substituirá ao actual, que está dende a inauguración do pavillón en 1983. O estado de conservación da superficie foise deteriorando durante estes case 25 anos de existencia. A día de hoxe esta superficie non ten a planimetría necesaria para unha correcta e segura práctica deportiva, nin prestacións axeitadas para o deporte de certo nivel competitivo a causa súa da extrema rixidez.

O pavillón de Santa Isabel é un dos principais contedores de actividade deportiva da cidade, tanto polo elevado número de clubs que o utilizan para os seus adestramentos e competicións, como polos distintos acontecementos puntuais que nel se realizan cada ano.

Compartir: