URBANISMO

Aprobado inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo

07/04/2008 O Goberno local aprobou inicialmente o proxecto de urbanización do SUP-1 de Romero Donallo. Este novo polígono de vivendas, deseñado por César Coll, suporá unha singular e moderna conexión estética e urbanística entre o tradicional e o novo Ensanche.

Este polígono ten unha superficie de 30.138 metros cadrados e permitirá a construción de 179 a 200 vivendas libres. Entre as actuacións previstas no proceso de urbanización destaca a apertura da prolongación da rúa Escultor Camilo Otero, que irá por debaixo do periférico para conectar esta nova superficie con Pontepedriña. Haberá amplas zonas verdes e deportivas e ampliarase o IES Eduardo Pondal.

A nivel funcional destaca a construción dunha praza na traseira do antigo cine Avenida, na que se situará un conxunto escultórico de Álvaro de la Vega. Tamén salientable será a condución das augas limpas cara a pequena lagoa que está entre o viaduto Antón Fraguas e o ferrocarril.

Dende o punto de vista estético, o arquitecto pensou na colocación dunhas nubes escultóricas na mediana da avenida Romero Donallo. O Concello estudará esta proposta estética.

Parcela para o Campus da Saúde
A Xunta de Goberno deu o visto bo inicial ao Estudo de detalle da parcela de equipamento universitario EU-7, situada entre as avenidas de Barcelona e Mestre Mateo, segundo o proxecto presentado pola Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto someterase a información pública durante 20 días.

Esta parcela conta cunha superficie total de 13.890 metros cadrados e nunha parte dela irá o futuro Campus da Saúde da USC. O Estudo fixa aliñacións, rasantes e parámetros de construción para os usos universitarios previstos.

O documento subdivide a parcela en dúas zonas. Na primeira reflíctense parámetros de ocupación, altura e edificabilidade moi concretos, xa que USC ten xa moi definidos os edificios para a mesma. Nesta parcela, a solución é de bloque aberto con altura xeral de baixo e dúas plantas. Na parte oeste ofrécese unha solución singular de baixo máis seis plantas, que en ningún caso superarán a altura dos edificios residenciais da zona.

A segunda zona tamén terá bloque aberto, con altura xenérica limitada a baixo e dúas ou tres plantas, só superables de xeito puntual en función das necesidades do programa que presente a USC. Ademais, o estudo garante o carácter de zona axardinada e natural dos terreos non ocupados polas edificacións.

Papeleira de Brandía
Igualmente en materia de urbanismo, ratificouse o convenio urbanístico para a execución do Plan especial de protección e rehabilitación do conxunto fabril da papeleira de Brandía. Este acordo supón a adquisición polo Concello dunha parcela de 623,25 metros cadrados, cualificada como zona libre pública, e a transmisión a LORYGAR dunha parcela de 603,25 metros cadrados, susceptible de edificación. Esta permuta ten como obxectivo facilitar as conexións.

Segundo indicou o voceiro da Xunta de Goberno, Néstor Rego, este convenio en nada ten que ver coa actuación urbanística pola que o Concello obriga a derrubar o exceso de altura detectado na edificación hostaleira, non legalizable, unha irregularidade urbanística que segue o seu curso tras ser desestimadas as alegacións formuladas.

Para finalizar, deuse conta da recepción das obras de urbanización executadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo nos sectores dSUNP-2 (Salgueiriños); SUNP-3 (Cancelas-Mallou); SUNP-7 (O Avío); SUNP-9 (Belvís); e SUNP-15 (Ponte Pereda).

Compartir: