CULTURA

Cultura regalará un libro ás persoas que merquen dous exemplares nas casetas da Feira do Libro

04/04/2008 A Concellaría de Cultura ten por segundo ano consecutivo un espazo propio na Feira do Libro que se inaugura o sábado 5 na Alameda, organizada pola Agrupación de Libreiros de Santiago-Federación de Libreiros de Galicia. Nesta edición, que é xa a XXVII da Feira, os libros editados pola concellaría estarán presentes de novo no Paseo Central da Alameda.

Cultura tamén pon en marcha por segundo ano unha iniciativa que tivera moito éxito entre os asistentes á feira do ano pasado. Toda aquela persoa que merque dous exemplares nalgunha das casetas da Feira, recibirá un libro de agasallo na caseta da Concellaría. Para iso, terá que levar un bono que lle entregarán nas casetas cos dous selos que xustifiquen a compra deses dous exemplares.

As obras coas que agasallará a Concellaría serán aquelas publicacións que realizou ao longo dos últimos anos, como as de Poeta en Compostela, Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, publicacións infantís ou de catálogos de exposicións, entre outra, ata un máximo de 2.000 volumes.

Compartir: